Sunday 12 de May de 2024

Multitudinaria inauguración en Riveira da exposición Libertas que pretende visualizar o dereito á liberdade de expresión


Numerosos veciños arrouparon a Olegario Sampedro na apertura

A sala de exposicións do Centro Cultural Lustres Rivas case se queda pequena para acoller a inauguración da nova mostra que se exhibirá na instalación municipal ata o vindeiro 1 de abril: Libertas, de Olegario Sampedro, que forma parte dunha ambiciosa iniciativa promovida por PEN Galicia e PEN International coa colaboración do Instituto de Mediación Educativa (IMER) e o Concello de Riveira que comprende tres apartados distintos: un expositivo, outro literario e outro didáctivo.

Para explicar a natureza desta iniciativa compareceron na noite de onte no nome de Pen Galicia Xabier Castro, que exerce de coordinador xeral da proposta; e Olegario Sampedro, autor dos deseños artísticos e presidente do IMER, ademais do alcalde Manuel Ruiz. Moitísimos veciños quixeron estar presentes na apertura.

Sete escritores
A mostra expón unha serie de instalacións artístico-fotográficas que buscan dar visibilidade a historia de sete escritores que viron vulnerados os seus dereitos fundamentais de expresión como consecuencia da redación ou publicación das súas obras: Federico García Lorca, Xosé Luís Méndez Ferrín, Orhan Pamuk, Jude Dibia, Susana Cávez e Ángel Cuadra e Lio Xaobo.

Olegario Sampedro resaltou o carácter colectivo deste proxecto e manifestou que unha iniciativa coma esta estaría prohibida en 140 países e que só 13 nacións do mundo garanten con plenitude a liberdade de expresión. “Con este acto a maioría de nós estaríamos presos noutros países”, declarou.

Así mesmo, non escatimou agradecementos a todas as persoas e institucións cuxo apoio permitiu que vese a luz. Entre os mesmos, os autores dos textos que acompañan a cada unha das devanditas instalacións artístico-fotográficas: Laura García Lorca (sobriña do poeta), Bieito Iglesias, Manuel Rivas, Margarita Ledo, Paco Lobatón, Eme Cartea e Inma López Silva.

Ademais fixo fincapé na importancia da parte didáctica de Libertas que se levará a cabo a partir de agora co fin de traballar de maneira interdisciplinar nos dereitos humanos con alumnos de ESO e Bacharelato. Este apartado foi realizada polos membros do IMER, con intervención de Ana A. Becerra, Concepción García, Mª Carmen G. Acevedo, Cecilia Lois, Montserrat Pampín, Beatriz Paz, Concepción Paz e Pura Prado.

O alcalde Manuel Ruiz subliñou a idoneidade de poder albergar esta exposición precisamente nun centro cultural que leva o nome dun xornalista e escritor que foi represaliado por exercer a súa liberdade de expresión, Manuel Lustres Rivas. Destacou os pasos dados nestes case 40 anos de democracia a prol dos dereitos humanos e liberdades e manifestou que “esta sala estará aberta a todos aqueles que respectamos estes principios”.

Unha vez finalizaron as intervencións, o senador José Luis Torres Colomer e o director do grupo de teatro municipal Chiqui Durán abriron a instalación de carácter tríptico dedicada a Federico García Lorca, baseada na Casa de Bernarda Alba.